Xornadas de convivio no CSA do Sar (Rúa Curros Enriquez, 28 ) o Sábado 31
E quen serán eses chavales da casa do peixe?
Antes de nada somos eses e esas, que a linguaxe fai malabarismos e é moi fácil silenciar á metade do vecindario (as mulleres tamén existimos e participamos neste centro social!). E en canto ao de chavales/as pois… A alguns e a algunhas xa nos gustaria! Francamente odiamos que nos traten de vostede, mais algúns e algunhas fai un tempiño que pasamos a temida fronteira dos trinta.
Okupas? Así con K?
Pois sinceramente non sabemos que se quere dicir as máis das veces con iso de ”okupas”. Se é algo así como un xeito de falar dalgún tipo de tribo urbana como antes ”yeyé”, ”hippie” ou ”punki” pensamos que non, porque vestimos de xeitos diversos e escoitamos músicas variadas. Se é porque entramos en casas ”sen permiso” pois neste caso tampouco porque temos un acordo de cesión para a utilización deste espazo. Agora ben, se con este termo se pretende dicir que rehabilitamos un espazo para darlle un uso social e non particular, pois igual si que somos algo ”okupas”. Abrimos o espazo a quen queira pasar, facemos asembleas abertas para quen quixer participar e non desenvolvemos actividades con ánimo de lucro. Estamos a tentar construir un espazo de todos e todas e para todos e todas: un lugar onde ensaian grupos musicais, onde se fan obradoiros gratuitos, onde se reunen diversos colectivos sociais e onde tamén se proxectan filmes ou se fan concertos. Levamos ainda pouco tempo e temos moitas ganas de xerar un espazo no que xurdan múltiples iniciativas e unha vida cultural de base nesta zona que non viría nada mal. Ou non?
Drogadictos?
Algunha cervexiña cae de vez en cando, mais entendemos que niso non sexamos moi distintas a outr@s viciñ@s, nen que no centro social se dean situación moi diferentes ás que, cremos, ”se respira” nesta zona… En todo caso somos conscientes de que, á falta de alternativas de lecer ou pola destrución paulatina da vida comunitaria nos nosos barrios, moitas persoas se entregan ao consumo de estupefacientes. Mais tamén sabemos que moito do diñeiro da droga foi utilizado para financiar determinados partidos políticos con labores de goberno (e non aos okupas, precisamente). Por iso tamén pensamos que por negar os problemas estes non desaparecen e que a persecución do consumidor non foi a solución a un problema tan complexo como o da ”droga” que tanto beneficio trouxo aos de sempre, aos de arriba. Desde logo, e por se existe algunha dúbida, no centro social non vamos permitir nengún tipo de tráfico de drogas.
Sodes os da Casa Encantada?
Pois non somos, non. Xa nos gustaría que algo como o que foi a Casa Encantada continuase no barrio. Nós somos outra xente, con pouca experiencia nisto dos centros sociais e que estamos a comezar a construir este. Por iso nos gustaría animar a todos os viciños e viciñas a participar con nós na aventura que é ir facendo un centro social: para corrixir erros e para continuar cos acertos. Todas as críticas son benvidas e todas as persoas tamén. Sabemos que é difícil traspasar a porta do centro social ben por timidez, ben porque desde o exterior pode parecer unha cousa ”pechada”. Nada máis lonxe da nosa intención. Gostariamos de recibir máis ideas e estamos dispostas ao debate.
En definitiva quen (…) sodes?
Pois hai de todo nesta casa: activistas contra os desafiuzamentos, asemblearios/as, activistas sociais, músicos/as que vimos a ensaiar, indignados/as, militantes do movimento estudantil, cooperativistas… Muitas e muitos somos viciños/as deste barrio desde fai anos. Por iso sabemos que entre @s viciñ@s hai de todo: inmigrantes, xente de aluguer, estudantes, precari@s, empregad@s do fogar, gais e lesbianas, traballador@s, desempregad@s, moz@s, hiphoper@s, grafiter@s… Esta zona é de todos e de todas, non só dos e das propietarias das vivendas (que en muitos casos nen viven no barrio nen teñen as propiedades en bon estado). Cremos que ten que haber sitio para todo mundo e que a maioría dos problemas se solucionan co diálogo. E que antes de chamar á policía é mellor falar. Se algunha vez alguén ten algo do que se queixar deste centro social ten as portas abertas. Mais esperamos ser muitos e muitas mais e tamén contar coa participación de mais viciños e viciñas.
Por iso queremos convidar a toda a viciñanza a unha xornada de convivio e de portas abertas o vindeiro 31 de Maio a partir das 11:00 horas.
Agardamos vernos o vindeiro 31 de maio!
Cultura de base por un barrio vivo!
Programación:
11,00h. Mercadiño en moeda social do P.I.C.
13,00h. Sesión vermú: trae os teus instrumentos para a foliada!
14,00h. Xantar popular
16,00h. Xogos populares
18,00h. Sobremesa: Coloquios do barrio
20,00h. Concerto acústico “Os Pazyfiestas”