Comunicado de Stop Desafiuzamentos Compostela perante a brutalidade policial

Compostela, 23 de setembro do 2014.
Stop Desafiuzamentos recompilou e valorou na súa xuntanza desta semana a dimensión represiva do roubo organizado da casa da familia de Aríns, expulsada á rúa por Policía e Xulgados, e considera á luz de todas as probas testemuñais e audiovisuais que a actuación policial resultou desproporcionada, procurando unicamente a propia satisfacción e disfrute dos axentes presentes nos adros da parroquia compostelá, a través dun lamentable teatro de violencia policial.
O saldo final, con sete persoas identificadas arbitrariamente e a detención irregular da persoa responsábel da negociación coa outra parte e coa Comisión Xudicial, non esgota en si mesmo a dimensións dos feitos. Ameazas e provocacións diversas por parte dos axentes como “si te comportas como un animalito te vamos a dar palito”, “tú no eres un hombre, seguro que tienes gatillazos en la cama, yo nunca tuve un gatillazo”, “no te pases de listillo”, “si tú utilizas el arma más potente de todas que es la palabra nosotros utilizaremos nuestras armas reglamentarias”, “te la vas a cargar con 3000 euros”, así como diferentes malleiras ás solidarias presentes, moitas delas con contusións, debuxan un panorama no que o Delegado do Goberno de Galicia, Samuel Juárez, debe asumir absolutamente toda a responsabilidade.
Como é posible que detiveran e estea acusada unha das dúas persoas autorizadas polo mando policial para mediar no conflicto? As imaxes que recolleron a prensa e os medios son o suficientemente explícitas como para concluír que houbo abuso de autoridade, detención ilegal e que a determinadas autoridades e axentes policiais lles estorban os mediadores.
Ningún discurso elegante xustifica que nesta etapa de degradación dos mínimos democráticos se pretenda repetir a parte máis escura da historia. Non nos enganemos, son exactamente os mesmos discursos que os auténticos criminais de guerra utilizaron nos xuízos de Núremberg “eramos funcionarios, cumpríamos ordes”. Así Policía, Comisións Xudicias, e profesionais como cerralleiros e asistentes sociais están utilizando este tipo de afirmacións para privar á poboación dun dereito fundamental, protexido xa pola xurisprudencia da Unión Europea, como é o dereito á vivenda. A inxustiza institucionalizada en forma de roubo masivo das vivendas xustifica amplamente a desobediencia da sociedade e das funcionarias e funcionarios públicos.
A estampa do Sr. Juárez tirando as culpas fóra nunha roda de prensa, cando está a sumar en cada conflito un historial de grave brutalidade policial contra a sociedade civil resulta lamentable. A imaxe da súa Policía atacando e agredindo a cidadás desarmados que exercen resistencia pasiva á súa violencia é sobradamente coñecida por todas e todos nós. Aríns non sendo un caso illado, non deixa de ter importancia. Non queda outra: é a hora de demandar a súa dimisión inmediata ou o seu fulminante apartamento do cargo.
Stop Desafiuzamentos aproveita a oportunidade para que se eviten enganos interesados, e advirte que a loita en defensa da casa de Carlos e María aínda non rematou. Agradece ante todo a mostra de dignidade e solidariedade do conxunto do pobo compostelán, expresadas das máis diversas maneiras, que fixeron que a familia sentise a calor impagable da colectividade. É a familia a que nos pide a día de hoxe que traslademos o seu profundo agradecemento por todas as mans e corpos solidarios que seguen a loitar o seu lado na defensa da súa vivenda, e así, do dereito a un teito para todas as persoas.

Paremos o desafiuzamento da familia de María e Carlos! polo dereito á vivenda!

[STOP DESAHUCIOS COMPSOTELA] CARTAZ REDES CARLOS E MARÍAConfirmáronnos que denegaron no Xulgado de Compostela o recurso da familia de Aríns estafada por un prestamista. Polo tanto este VENRES 19 tocará enfrontármonos por vez terceira ao desafiuzamento desta familia compostelá. Eles (xulgados e Policía) tentarán que sexa o definitivo. Nós sabemos que a solidariedade e a loita poden impedir que sexa así.

A resistencia pacífica das persoas é o único xeito que temos de rematar coas inxustizas e a falta de sensibilidade xudicial e das políticas que deixan a xente sen casas e as casas sen xente

Este venres 19 ás 07.30h sairá unha caravana de carros dende o CSA do Sar (Curros Enriquez nº28, Compostela) cara Vilacova, este desaloxo ímolo parar!

Para acompañar á familia na noite anterior, o xoves algunhas persoas pasarán a noite en Arins. Se queredes e podedes ir sairase ás 23:15 da rua San Clemente, 32 ou podedes achegarvos por libre. Levade saco de durmir

Concentración solidaria fronte ao concello de Ames

10680069_900716756624408_1532766865891219662_o

Mañá xoves 11 concentración fronte ao concello de Ames pola solución inmediata para C.M.G.D. e o seu fillo, e para todas as familias en risco de desafiuzamento. Sairán coches ás 11:15 dende o CSA do Sar (curros enriquez nº 28, Compostela)

“O colectivo Stop Desafiuzamentos Compostela desexa comunicar por medio deste escrito que o xoves, día 11 ás 12 da mañá realizará unha protesta na Praza do Concello de Ames, co fin de denunciar a desatención e abandono que por parte da clase politica están padecendo as familias máis necesitadas deste municipio e, máis concretamente, as persoas que son ou están a punto de ser expulsadas das súas vivendas.
Denunciamos en concreto a inaceptábel situación de C.M.G.D., nai cun menor ao seu cargo que, carecendo en absoluto de recursos e axudas, é obrigada a abandonar en datas próximas o seu domicilio de aluguer no Milladoiro sen que teña outro lugar a onde ir, xa que non poderá percibir a axuda social da RISGA, tramitada polos servizos sociais deste concello, até maio de 2015.
Sorpréndelle ao noso colectivo que o IGVS non atendese até agora ningún dos casos que trasladamos a esa Institución
Cáusanos abraio ademais o feito de que, sendo o concello de Ames un dos que más diñeiro recadou de todo o Estado grazas á burbulla inmobiliaria, non tivese prevista a dotación de casas de acollida para persoas excluídas socialmente.
Esiximos deste consistorio que chegue a un acordo cos bancos, co fin de habilitar vivendas de aluguer social entre os centenares das que estes posúen produto dos desafiuzamentos que levaron a cabo, particularmente no Milladoiro.
Así mesmo, consideramos que a Comisión Antidesafiuzamentos, creada no seu día neste Concello coa implicación dos partidos políticos e do noso colectivo, entre otros, resultou rotundamente un fracaso.
Cómpre engadir que os casos de certa “dificultade” que caeron nas mans desta Comisión foron directamente remitidos a Stop Desafiuzamentos Compostela, un dos cales, o do veciño J. R. acabou por se resolver coa dación en pago trala nosa intervención. Agora quérenos derivar tamén a problemática desta muller nunha vivenda de aluguer. E entón nós preguntámonos: para que se creou esta comisión do concello de Ames? Para que sexa a sociedade civil a que lles resolva a situación ás familias?
Concentrámonos porque estamos fartas de comisións creadas inutilmente, servizos sociais inoperativos e outras institucións que non lles ofrecen solucións ás persoas, ás familias con menores.”

Mércores 10 de setembro, retomamos as asembleas do CSA do Sar

Despois dun mes de agosto de traballo para reacondicionar o piso de arriba e a hortiña, retomamos as asembleas no CSA do Sar: Mañá mércores 10 ás 20.00h teremos asemblea do centro social. Falarase da “inauguración” do piso de arriba, novas actividades….

Como todo na casa do peixe, as asembleas son abertas a quen queira participar asi que non o dubidedes e pasádevos!

Nova asemblea do PIC, venres 12 no CSA do Sar

Este venres 12 de setembro o CSA do Sar acollerá unha nova asemblea do Proxecto Integral Compostela ás 21h.
O PIC é un proxecto asembleario e aberto que busca poder producir e mercar todo o que fai falta para as nosas vidas – alimentación, vestiario, vivenda, saúde, educación, servizos, tecnoloxía, … – dun xeito ético, local, autoxestionado e informado.
Conta para isto, entre outras cousas, cun grupo de consumo e unha moeda social propia,

Queres saber como funciona o Proxecto e en que consiste a moeda social? achégate e infórmate.
Anímate a participar!

10547018_324687167710584_2039600344807062715_o

 

 

 

Video da Jam na Horta

E aqui tedes vídeo da actuación do Xenderal actuando na hortiña do CSA do Sar, na Jam Na Horta que @s compañeir@s de Jastas CINTA organizaron fai xa uns meses. 

E pronto voltaremos asemblearnos e voltarán novas actividades á casiña do peixe, xa co piso de arriba e a hortiña ben acondicionados, se queredes participar estade atent@s!

Concentración en Aríns pola defensa da familia de Carlos e María

Chegou o mes de setembro, sen ningún tipo de posibilidade de negociar co que é agora “administrativamente” o dono da vivenda desta familia. Novamente a xuíza pode marcar unha terceira data de desafiuzamento sen esperar a que se resolva a denuncia por estafa presentada.
A veciñanza de Aríns concentrarase este venres día 5 de setembro ás 21.00h pedindo sensibilidade xudicial para a familia. Por que é a súa casa a que está en xogo; por que as presións financeiras ás familias propiciaron a aparición de mafias/grupos-de-usureiros/estafadores orbitando en torno ás familias con problemas económicos. María e Carlos chegaron a un deses grupos premidos por unha necesidade imperiosa de cartos para evitar o risco de perder a súa casa, premidos por un banco. E unha débeda de 58.000€ converteuse neste momento nunha reclamación de 150.000€.
Ë importante a presión popular para que antes de ser botados á rúa, o xulgado que está a instruir o seu caso valore a deuncia por estafa.
10599353_896390237057060_3278501381242636976_n